Tuesday 14 de May de 2024

O trimestre invernal de Poetas Di(n)versos será hispanoamericano ademais de galego


O noiés Manuel López Rodríguez e o cubano Sergio García Zamora ofrecerán un recital poético no Ágora este luns 16, ás 20.00 horas

Dende o pasado outubro ata xuño, a décimo cuarta edición da programación poética do Concello da Coruña continúa mes a mes reunindo no Centro Ágora ás mellores voces da poesía galega e do resto do mundo. Se Poetas Di(n)versos adoita desvelar os nomes dos convidados agrupados en carteis trimestrais, o correspondente a este inverno virá en clave hispanoamericana.

A carón de poetas que residen en Vilagarcía, en Noia e na propia Coruña, o ciclo fundado e dirixido por Yolanda Castaño presentará en xaneiro, febreiro e marzo nomes consagrados chegados dende o norte, o centro e o sur do continente americano que fala español. Serán, coma sempre, sesións abertas e gratuítas, ás 20.00 horas e cunha duración de arredor dunha hora, repleta dunha poesía capaz de seducir a propios e estraños na voz dos seus autores e autoras.

Así, a primeira das citas será este vindeiro luns 16 e xuntará dous autores que están ultimamente a copar moitos dos certames literarios en Galicia e en España. Escoitar os poemas do noiés Manuel López Rodríguez (1978) e do cubano Sergio García Zamora (1986) permitirá averiguar se hai fórmulas literarias máxicas e asomarnos aos seus talentos literarios.

O 6 de febreiro será o Uruguai o país representado pola poética de Rafael Courtoisie (1958), que recitará xunto ao ourensán residente na Coruña Claudio Pato (1962). Será un xeito de degustar poéticas de vangarda capaces de combinar o híbrido e o irónico, a poesía-pensamento e o experimental. En marzo será ocasión para a mellor poesía mexicana: pois un dos nomes máis consagrados daquela literatura unirase o luns 27 ao vilagarcián nacido en Bos Aires Xurxo Alonso. Outro dos nomes máis agraciados nos certames literarios galegos dos últimos anos lerá os seus poemas nun man a man con María Baranda. A de ambos é unha poesía de gran despregue visual, imaxinería e puída elegancia formal.

En todas as lecturas se editarán folletos coleccionables que recollan as traxectorias dos nomes convidados xunto a un poema de mostra, e as sesións emitiranse igualmente por streaming. Unha libraría de proximidade poñerá á venda os títulos das e dos poetas condidados, que poderán estampar sinaturas nos exemplares.

Impulsado dende 2009 polo Concello da Coruña, Poetas Di(n)versos acadara o pasado ano dous galardóns polo proxecto cultural de relevo que o ciclo supón: o Rodolfo Prada á xestión cultural e o Follas Novas á Mellor Iniciativa Cultural de Galicia.